martes, 5 de diciembre de 2017

Camilo Seira na Virxe da Cerca

Zoo antropomorfo é o título da exposición que Camilo comparte con Rafael Romero Masiá.
Camilo, canteiro e escultor, home da escola de arte e oficios, da escola de cantería e da de Belas Artes, retoma aqueles temas que lle son propios, os da terra Terra da que falaban as Irmandades da Fala. 
A pedra policromada -como fixeran no noso románico- non ten cabida neste exposición na que traballa cun único material: a madeira. Inda así, sempre hai que facer unha referencia a ela, a pedra, onde continúa a ser único.
A madeira, non pulimentada, semella ser un material querido despois de Leiro; Álvaro de la Vega ou Lomarti, Canicouva ou Victor Lorenzo trabállana, cada un co seu estilo pero cunha base común. Camilo Seira está aí, usándoa igual que fai co aluminio, aproveitándoa para realizar unha obra propia na que se repiten temáticas e que sempre acabamos por recoñecer. Un certo primitivismo atravesa agora o continente para situarnos fronte a fronte co gran tótem da nosa cultura: o porco, a matanza coma festa maior e cotiá.
Naquel festival de Nunca máis no que actuaba xente coma Paco Ibáñez, un xovencísimo Daniel Salgado recitou un poema que merecía ser haiku, pola cortedade e contundencia: 
"Galicia caníval
Comemor porco
Votamos Fraga"
Pois si, madeira pintada cunha única cor,  vermello do sangue, do interior do corpo. 
Porque o porco confúndese co home que o carga, e o seu corte ten moito que ver co sexo feminino. 
Unha obra para ver e pensar, porque Camilo dá de pensar.