lunes, 13 de febrero de 2017

Vicente no Liceo de Noia

Nestes días, a mostra Mesturas de Vicente, pode verse na Sala de exposicións do Liceo de Noia.
A noite da inauguración foi das de aviso amarelo. Unha viaxe dura que non permitiu que se desprazaran todos os amigos que tiñan pensado facelo; aínda así, alí estivemos vendo o ben que quedaran as pezas colocadas nas paredes, nas vitrinas, nos pedestais... que de todo había.
Mesturas, porque é moita a variedade, a diversidade de pezas, a multiplicidade de obras. Mesturas porque a unidade da exposición non a daba nin a técnica utilizada (había esculturas, pinturas, relevos de todo tipo, ready made...) nin tampouco a temática; en realidade, o que as englobaba era o relato que Vicente teceu con todas as pezas e series.
Mesturas porque o bo é iso, a mestura de xentes e culturas, a mestura de países e linguas... aínda que non sei o que podería dicir disto o omnipresente recén estreado presidente de USA.