Mostrando entradas con la etiqueta Faladores do Pataca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Faladores do Pataca. Mostrar todas las entradas

domingo, 24 de noviembre de 2019

Ovos voandeiros


Ovos voandeiros ou Ovos illas desprazándose polos ceos
Se algún obxecto representa a pintura de Pitelos (ou J. Méndez) é o ovo como elemento presente na maioría das súas obras, case sinal de identidade. Por iso non nos estraña que titule esta última exposición Ovo voandeiro e que os poña a voar, porque xa antes nos trouxo o mar a Compostela na exposición Santiago marítimo.
El é de imposibles, ou máis ben de “surreais”, por iso nos obriga a ir ás orixes do surrealismo e lembrarnos de Broodthaers, de Breton, de Dalí ou de Magritte, porque todos eles falaron do ovo ou o representaron. E obríganos, tamén, a percorrer a súa obra, para confirmar esa presenza do ovo desde os anos 80 (segundo o que aparece na web) ata facerse protagonista na exposición Retratos con alegoría na que os artistas que eran retratados por Méndez debían entregarlle a escultura dun ovo. E continuou o ovo presentándose en cada lenzo e cada escultura, porque el é un home de símbolos e alegorías.
Agora, o ovo é unha illa. Cunqueiro falaranos de illas que se moven polo mar cambiando de coordenadas, Méndez pon as illas - ovo a voar como minúsculos planetas onde todo é posible, porque a illa é o territorio da utopía desde o principio da escrita.
Pitelos é un artista de oficio, traballador e imaxinativo. Con todas estas capacidades desenvolvidas en grao sumo e disposto a non aforrar, a non deixar unha idea para mañá, a gastalas todas nesa fogueira que é cada unha das súas mostras.

martes, 19 de noviembre de 2019

En Ourense, exposición de Ramón Conde

Na sala de exposición do Centro Cultural Marcos Valcárcel da deputación de Ourense acaba de inaugurarse a exposición Soliloquios de Ramón Conde. 
Como xa é habitual, corpos esculpidos e voluminosos, que di a prensa para anuncialo. 
Fóra, colgada e disposta a dar a benvida unha gran paternidade. Dentro, todos os corpos; en pequenos grupos, de corpo enteiro ou bustos. Todo respondendo a eses soliloquios que o escultor lles obriga a pensar a cada unha das obras ou a compartir nunha soidade de incomunicación total.
Di Conde que concibiu esta exposición como varias instalacións pequenas, cunha certa alegoría e unha serie de obras individuais, que en conxunto teñen un nexo en común que son as montañas. Lembremos que esas montañas son as formas redondeadas  (enfermas de obesidade) coas súas liñas curvas, que el remite aos montes galegos, vellas formacións con milenios de erosión; redondos de necesidade, cunhas inmensas barrigas que case poden botar ao lombo, cuns peitos que fan dubidar do sexo, con expresións que se fan dificilmente esaxeradas en tan grosas caras...  

martes, 12 de noviembre de 2019

Exposición de tres Pataqueiros/as en Lugo

No Museo Interactivo da Historia de Lugo está a exposición Arte e amizade organizado pola Asociación da Aizade das Artes Galego Portuguesa (AAAGP). Neste caso participan 41 artistas 
(Jorge Agra, José Luis Aguilar, Luísa Arbiol, Helena Caldeira, Constantino Cuesta (Tino), Graça Cunha, Alexandra de Basto, Iraceia de Oliveira, Iago Eireos, Fina Eireos, Jorge Espiral, Clara Ferrão, Rosa Gallego del Peso, Joaquín García-Gesto, Javier Granados Centeno, Dolores Guerrero, Honorio, Juan Lomarti, Diego López Fernández, Lugilde, Miguel A. Macía, Quique Muruáis, Odeza, Isabel Pardo, Marian Paredes Villaronga, Concepción Paz Montenegro, Luisa Paz Montenegro, Soledad Penalta, Peña Romay, María Luisa Pérez Novoa, Noa Persán, Pintao (antes Señor Bordell), Isabel Pintado, Pitelos, Carmen Prado, María Amélia Ramos, Xermán Refojo, Conceição Ruivo, Saro, Xesús Vázquez e Xoán Vila). Como vemos, entre as súas están as obras de Jorge Agra, J. Méndez e Marián Paredes.
Cada un no seu estilo, achegan a esa multicolor mostra a súa maneira de expresar a creatividade. Agra no pop con ese cadro que semella querer chiscar o ollo en contacto con toda esa información sobre medidas de seguridade mentres observamos ao representante oriental cunha certa nariz de paiaso. Méndez co surrelismo mítico no que o ovo é protagonista e, neste caso, envolto nun lume vermello que convoca as miradas. Marián cunha obra en fondo marrón coas cabezas en diferentes posicións e seguindo sempre as liñas curvas ás que nos ten acostumadas, só o marco remite á liña recta.

miércoles, 5 de diciembre de 2018

COLECTIVO ARTÍSTICO PATAKA no Pazo Torrado en Cambados

O pasado venres, 30 de novembro, inaugurouse a exposición do Colectivo Pataka no pazo Torrado.
Un enorme espazo expositivo onde cada artista contaba cunha sala, agás Vicente e Carita que compartiron unha.
Percorrer a casona, de cuarto en sala, pasando dunha obra a outra para ir atopando a Susana e os vellos de Conde, remitíndonos a unha escena biblica que nos lembra a aquela outra que Vicente expuxera na sala de exposicións do Tambre; neste caso, o escultor engade ás pezas elaboradas un par de "obxectos encontrados" que sitúan á protagonista no baño. 
Pasar á seguinte para observar os grandes cadros de Jorge Agra remitíndonos ás iconas que marcan os días, desde as noticias á publicidade, as imaxes representativas de cada tempo: o sireno de Vigo ou un triste Arias Navarro noutro novembro.
Nunha sala con chimenea están as pezas de J. Méndez que combina a escultura coa pintura, uns bustos de cristal ou azulexos mirando os óleos onde sempre aparece ese toque surreal que o  caracteriza. 
De escultura e pintura consta tamén a sala de Andreas Ruiz, escultura de cemento que remata tratándose coma un lenzo, recollendo as liñas e pinceladas. E xunto a ela varios cadros traballados sobre cemento e os seus derivados, nos que a pintura se acompaña do debuxo e os continentes semellan vir a visitarnos.
Camilo Seira enche a sala de esculturas en madeira que nos remiten á matanza ou ao entroido; o porco como animal totémico e todos os seus tetos alimentando a tribo. Ao lado un bodegón en pedra no que o brión traballa á par do artista, vestindo as froitas.  
Alfonso Rivero de Aguiar ocupa a máis pequena das salas pero aprovéitaa cunhas figuras maioritariamente brancas que iluminan o espazo. Pezas elegantes que se moven nunha figuración abstracta que tende á verticalidade agás nunha horizontal onde mestura pedra e madeira policromada.
Pilar Feás mostra fotografías, pinturas e tamén tecidos nun panorama no que non quere deixar nada atrás, xogando a tres mans.
Traballo con fíos e telares mostra tamén Carita Dubrovin; para ela sob os seus elementos, os materiais cos que constrúe as súas obras que neste caso adoptan tamén a forma de figuras vestidas con calceta ou de medias camisetas colgadas. Na mesma sala, están as pezas de Vicente Ruiz, pinturas e pezas traballadas con materiais atopados, o expresionismo dándose a man co primitivismo.
Unha exposición que vai dar que falar! 

lunes, 13 de febrero de 2017

Vicente no Liceo de Noia

Nestes días, a mostra Mesturas de Vicente, pode verse na Sala de exposicións do Liceo de Noia.
A noite da inauguración foi das de aviso amarelo. Unha viaxe dura que non permitiu que se desprazaran todos os amigos que tiñan pensado facelo; aínda así, alí estivemos vendo o ben que quedaran as pezas colocadas nas paredes, nas vitrinas, nos pedestais... que de todo había.
Mesturas, porque é moita a variedade, a diversidade de pezas, a multiplicidade de obras. Mesturas porque a unidade da exposición non a daba nin a técnica utilizada (había esculturas, pinturas, relevos de todo tipo, ready made...) nin tampouco a temática; en realidade, o que as englobaba era o relato que Vicente teceu con todas as pezas e series.
Mesturas porque o bo é iso, a mestura de xentes e culturas, a mestura de países e linguas... aínda que non sei o que podería dicir disto o omnipresente recén estreado presidente de USA.


sábado, 1 de octubre de 2016

Un faladoiro de calidade. Unha ocasión para compartir saber e estar

                                                            Un momento da charla
O pasado xoves, 29 de setembro, por iniciativa de Alfonso e Marisina realizouse un faladoiro moi especial.
Especial, en todos os sentidos. Por un lado convidáronnos á súa casa... o tempo aínda permite una tarde noite de horta e palabras. Por outra banda, convidaron a un amigo, Manuel Lara de Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial) para que nos acompañara informándonos das actividades que realizan, do inventario que van elaborando, das publicacións e gravacións, dos traballos e dos días desta empresa de voluntariado e coñecemento. É un luxo ver que alguén se dedica a defender ese patrimonio que como alguén (creo que era Cristina) apuntaba, como se parece máis ao vello que ao antigo, non é obxecto da atención que merece.
Luxo foi asistir a una sesión na que escoitamos, falamos, disfrutamos do lugar e gozamos coa maravillosa comida e bebida que nos ofreceron. Así son os amigos, aliméntannos o espírito e o corpo. E o mellor, como sempre, compartir.

jueves, 12 de mayo de 2016

Expo solidaria

O venres 13, ás 20 horas no Coliseo Noela (Noia), inaugurarase unha exposición solidaria, organizada por Cristina Carballedo a beneficio da Asociación A Creba e na que participarán moitos dos compañeiros da tertulia: Ramón Conde, Alfonso Rivero de Aguilar, Vicente Ruíz, Camilo Seira, Andreas Ruíz, J. Méndez,... e outros que nos acomapañan con asiduidade como Jorge Agra e Veiras Manteiga.
Esta asociación, fundada en 1994 por iniciativa dun grupo de profesionais e familiares de persoas afectadas por enfemidades mentais, conta no seu haber con recoñecementos como o premio da Fundación Luís Tilve.
Esta exposición permanecerá no Coliseo Noela ata o 17 de xuño,  en horario de luns a  vernes  de 18.30 a 21 e o sabado de 12.30 a 14 horas.

martes, 8 de marzo de 2016

De cocido, no Pataca

Hai uns días... xuntamonos para comer.
Estaba Adriana, o noso violín. Con ela pudemos comentar a exposición que conmemora os vinte anos da Real Filarmonía de Galicia que se pode visitar no Auditorio de Galicia e na Casa do Cabildo. Hai que velas!
Camilo e Andreas que chegaban de ARCO con ideas a cabeciña chea de contemporaneidade.
Cristina con todas as súas exposicións en marcha.
Alfonso e Marisina, Méndez e Veiras falando do que se traen entre mans... Botamos de menos a Vicente, Karita e Ramón, que andaban por outros lados. 
Agardámosvos pronto! 
Imos xuntando fame!
Xa nos tardades...
O cocido estaba moi bo, tiña o sabor de sempre das cousas de sempre que nunca se perden, e tiña PATACAS. 

viernes, 27 de marzo de 2015

Andreas na casa de Casares Quiroga

Na Coruña.
Nun lugar referencial polo que ten de memoria histórica, de republicanismo, de dignidade que se mantén... están as obras de Andreas Ruíz baixo o título de "Diálogos binarios".
As cabezas e os corpiños, os materiais construtivos, a conversa entre o analóxico e o dixital, a viaxe dun a outro soporte, a creatividade ao servizo da idea, o concepto artellando o discurso e as cabezas cimentadas mecánica e creativamente, pintadas e elaboradas cos signos que hai que desvelar e van dunha a outra civilización, dun a outro tempo, dunha a outra sensación...
Un bo sitio para albergar a exposición e unha boa exposición para ocupar o lugar.

viernes, 13 de febrero de 2015

Desta parte, queixo con arte. Exposición en Arzúa

  EXPOSICIÓN COLECTIVA para conmemorar os 40 anos da festa do queixo de Arzúa.
 20 artistas 20.  Baldomero Moreiras, Luís de las Cuevas, Pedro Gº Losada, Peter Schneider, Anxo Orois, Paco Pestana, Camilo Seira, Jorge Espiral, Jorge Agra, Landro  Sánchez, Seara,  Alberto Gulias, Lino Silva, Alexandro, Veiras Manteiga, Alfonso Rivero de Aguilar, Vicente Ruíz Soldevilla, Manuel Nieto, Julio Sanjurjo e Fernando Barreira… Fotógrafos, pintores e escultores, presentan unha obra na exposición comisariado por Cristina Carballedo, na Capela da Madanela, antiga igrexa dun desaparecido mosteiro do s XVI, situada en pleno Camiño de Santiago e cedida para usos culturais pola diocese ao Concello de Arzúa.
Do 21 de febreiro ao 1 de marzo de 2015



viernes, 14 de noviembre de 2014

Pataca solidaria




Os artistas do Faladoiro Pataca están expoñendo as súas obras no Hotel Virxe da Cerca, entre o 6 e o 16 de novembro. Trátase dunha exposición solidaria pois unha parte das vendas irá destinada a unha asociación benéfica. A exposición está comisariada por Cristina Carballeda.
Aí están as obras de Vicente Ruíz Soldevilla, Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruíz, J. Méndez e Camilo Seira.
Solidariedade e arte semellan ir unidas e iso está ben; o que non o está... é que as outras profesións perderan ese vínculo.

viernes, 31 de octubre de 2014

Por Narla... andan os bocetos de "retratos con alegoría" de J. Méndez



Na fortaleza de Narla, rodeados de antigüidades e entre os muros medievais, están os bocetos que J. Méndez realizara para a exposición Retratos con alegoría. Unha nova ocasión para velos.
Á beira da torre, fixándose ben, vese unha velliña que vende que vende cestos de corres. Non é que estean moi ben feitos, non é que sexa un produto perfeecto, non, pero é necesario mercarllos (incluso regateando, se se quere) para que contnúe a facelos.
Así é a historia, a dos mitos clásicos e a dos habitantes dun mundo que anda a desaparecer.

martes, 14 de octubre de 2014

Artistas do Faladoiro no Salón do Outono de París

Os artistas do faladoiro Pataca J. Mendez (non sabemos se acude baixo este nome ou outro), Ramón Conde e Alfonso Rivero de Aguilar, xunto do escultor Óscar Aldonza; todos eles coordinados por Cristina Carballedo, participan na edición actual do Salón internacional de Outono de Paris 2014. Estes artistas expoñen as súas obras nesta edición despois de ser seleccionados no Salón Internacional de otoño de Sarria 2013. Nas fotos podemos ver algunha das obras expostas naquel momento.
Mañán día 15 será a inauguración e permanecerá aberto ao publico desde o 16 ao 19 de outubro de 2014.
Desexámoslle moito éxito neste salón que se creou en octubre de 1903 e ten contado con figuras de gran relavancia como Matisse, Cezanne, Gauguin, Picasso, etc... 
Quen nos dera en París!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!





viernes, 10 de octubre de 2014

Alfonso Rivero de Aguilar na Casa de Galicia en Madrid

O día 2 de outubro inaugurouse a exposición "Miradas de autor" de Alfonso Rivero de Aguilar na Casa de Galicia en Madrid. 
Esculturas en pequeno formato realizadas en ónix, serpentina, mármore de griotte, granitos, cuarcitas e calcitas, lousas e madeira. 
Juan Barreto, Fátima Rueda e Luís de las Cuevas formaron parte do grupo de artistas e amigos que o acompañaron.
Aínda que o Faladoiro non poida desprazarse a Madrid, estamos encantados de que alí se vexa a obra dos nosos artistas. 

jueves, 18 de septiembre de 2014

Faladoiro do viño en setembro

No Pazo do Faramello, e no mes de vendima, realizarase esta exposición na que participan Vicente Ruíz, Carita Dubronin, Andreas Ruíz, Alfonso Rivero de Aguilar, Camilo Seira, J. Méndez, Ramón Conde, Pilar Feas e Simion Craciun.
O tema será o viño, as obras exporanse na adega do pazo e tomaremos un viño para animar a conversa e iluminar a mirada.
O Faramello é un lugar "amigo" do faladoiro ao que xa ten acudido noutra ocasión, tal como se recolle neste blog.

lunes, 8 de septiembre de 2014

Camilo Seira no Virxe da Cerca

Cristina Carballedo, dentro do seu proxecto expositivo en lugares emblemáticos, comisaria unha exposición na que pintura e escultura se complementan.
Polo lado das dúas dimensión, Lino Silva, un artista que leva tempo sen mostrar o seu traballo e ao que agardamos impacientemente.
Polo da tridimensiionalidade o compañeiro de tertulia, Camilo Seira, escultor en diferentes materiais, con obra pública e privada.
A partir do xoves, teremos moito que contar.

martes, 2 de septiembre de 2014

Alfonso Rivero de Aguilar en Llanes

Alfonso Rivero de Aguilar traballa a pedra de Llanes, un material semiprecioso que ao ser pulido saca á luz unhas combinacións de formas e cores realmente fermosas.
En Llanes mostráronse as súas pezas que saíran como pedras para volver convertidas en obras.
Enlace á noticia na web do concello e á súa páxina.

lunes, 30 de junio de 2014

Exposición en curso

J. Méndez está a expor no Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol.
A exposición, Bocetos de Retratos con Alegoría, inaugurouse o 16 de maio.
As obras de Méndez pairan entre as propias do espazo museístico, nunha mestura que propicia o diálogo entre a mitoloxía romana (retratando a artistas actuais) coas pezas do medievo. 
Unha exposición comisariada por Cristina Carballedo.

viernes, 27 de junio de 2014

VERISMOS, unha exposición no Liceo de Noia

Verismos, de vero, verdadeiro, verdade...
Unha exposición, comisariada por Cristina Carballedo e na que participan os nosos artistas: Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruíz, Camilo Seira, J. Méndez, Ramón Conde...
Cada un deles é auténtico nas súas propostas, polo tanto o que mostran é certo. E se non fora vero... sería ben trovato.