domingo, 24 de noviembre de 2019

Ovos voandeiros


Ovos voandeiros ou Ovos illas desprazándose polos ceos
Se algún obxecto representa a pintura de Pitelos (ou J. Méndez) é o ovo como elemento presente na maioría das súas obras, case sinal de identidade. Por iso non nos estraña que titule esta última exposición Ovo voandeiro e que os poña a voar, porque xa antes nos trouxo o mar a Compostela na exposición Santiago marítimo.
El é de imposibles, ou máis ben de “surreais”, por iso nos obriga a ir ás orixes do surrealismo e lembrarnos de Broodthaers, de Breton, de Dalí ou de Magritte, porque todos eles falaron do ovo ou o representaron. E obríganos, tamén, a percorrer a súa obra, para confirmar esa presenza do ovo desde os anos 80 (segundo o que aparece na web) ata facerse protagonista na exposición Retratos con alegoría na que os artistas que eran retratados por Méndez debían entregarlle a escultura dun ovo. E continuou o ovo presentándose en cada lenzo e cada escultura, porque el é un home de símbolos e alegorías.
Agora, o ovo é unha illa. Cunqueiro falaranos de illas que se moven polo mar cambiando de coordenadas, Méndez pon as illas - ovo a voar como minúsculos planetas onde todo é posible, porque a illa é o territorio da utopía desde o principio da escrita.
Pitelos é un artista de oficio, traballador e imaxinativo. Con todas estas capacidades desenvolvidas en grao sumo e disposto a non aforrar, a non deixar unha idea para mañá, a gastalas todas nesa fogueira que é cada unha das súas mostras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario