jueves, 13 de junio de 2019

EXPOSICIÓN DE J.MÉNDEZ NO CAMPUS STELLAE

Pitelos ou J. Méndez está a expor na Sala de Campus Stellae, en plena praza da Quintana de Compostela.
A exposición leva por título SENTI2 e presenta un enorme retablo coas súas figuras e cinco grandes esculturas representando os cinco sentidos. 
Ao longo de todo o verán podemos asistir a esta festa dos sentidos, onde a vista, o tacto, o gusto, o oído e o olfacto saen a recibirnos. A enormidade da obra fai que as salas semellen pequenas e que teñamos que subir aos pisos superiores para poder velas, tamén con perspectiva. Méndez tennos acostumados á sorpresa, a súa capacidade de traballo xunto co coñecemento de materiais e solucións sempre creativas sáennos ao encontro unha e outra vez, desde a elaboración dos disfraces de entroido -nun anaco de tarde- ata a elaboración dunha exposición inmensa con moi pouco tempo. Agora, decidiu erguer á tribuna de deuses e santos aos sentidos, resolveu construír o gran retablo da igrexa laica (que só este espazo que foi colexio de arquitectos lle podía permitir), colocar nas súas ornacinas as pezas que o complementan -a modo de figuras consagradas- e complementar todo iso con colosais figuras nas que seguir a representar máis do mesmo pero de diferentes maneiras... que niso consiste a arte.
A idea, só a idea xa merece unha atención: o retablo profano. E, cando acudimos á chamada, é a sorpresa a dona do encontro: o colosalismo co que nos recibe. Esa ciclópea realización que non deixa a ninguén indiferente e que anima a visitar todo o espazo do Campus Stellae para unha observación detida das obras. Nunca este espazo poderá contar cunha mostra máis monumental nin cun esforzo tan titánico que lembra os colosos do mundo antigo.