Mostrando entradas con la etiqueta Arte na cidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte na cidade. Mostrar todas las entradas

jueves, 13 de junio de 2019

EXPOSICIÓN DE J.MÉNDEZ NO CAMPUS STELLAE

Pitelos ou J. Méndez está a expor na Sala de Campus Stellae, en plena praza da Quintana de Compostela.
A exposición leva por título SENTI2 e presenta un enorme retablo coas súas figuras e cinco grandes esculturas representando os cinco sentidos. 
Ao longo de todo o verán podemos asistir a esta festa dos sentidos, onde a vista, o tacto, o gusto, o oído e o olfacto saen a recibirnos. A enormidade da obra fai que as salas semellen pequenas e que teñamos que subir aos pisos superiores para poder velas, tamén con perspectiva. Méndez tennos acostumados á sorpresa, a súa capacidade de traballo xunto co coñecemento de materiais e solucións sempre creativas sáennos ao encontro unha e outra vez, desde a elaboración dos disfraces de entroido -nun anaco de tarde- ata a elaboración dunha exposición inmensa con moi pouco tempo. Agora, decidiu erguer á tribuna de deuses e santos aos sentidos, resolveu construír o gran retablo da igrexa laica (que só este espazo que foi colexio de arquitectos lle podía permitir), colocar nas súas ornacinas as pezas que o complementan -a modo de figuras consagradas- e complementar todo iso con colosais figuras nas que seguir a representar máis do mesmo pero de diferentes maneiras... que niso consiste a arte.
A idea, só a idea xa merece unha atención: o retablo profano. E, cando acudimos á chamada, é a sorpresa a dona do encontro: o colosalismo co que nos recibe. Esa ciclópea realización que non deixa a ninguén indiferente e que anima a visitar todo o espazo do Campus Stellae para unha observación detida das obras. Nunca este espazo poderá contar cunha mostra máis monumental nin cun esforzo tan titánico que lembra os colosos do mundo antigo. 

viernes, 1 de abril de 2016

Arte nas tendas

Hoxe, camiñando pola Calderería atopei unha tenda de roupa de home (polo menos) na que había expostas obras de Camilo Otero, esculturas e debuxos. 
Non teño a foto que correspondería, tampouco lembro o seu nome (subindo á esquerda) pero animo a que a visitedes, polo menos o escaparate.
Porque este é unha maneira interesante de facer visible a arte, de levala a todo tipo de sitios, de facerlle un sitio nos escaparates... de lembrar a un dos nosos creadores.
Parabéns e a seguir!
PD.- Creo que a biografía que aparece nesta páxina non está correcta ¡que pena! Un home ao que a prensa galega matou uns anos antes de morrer e ao que esquecemos con moita facilidade a pesar de ter obras públicas na cidade como a Pasionaria diante da facultade de Económicas ou a parella atravesando o pórtico porta en San Caetano
Esta é a páxina que hai que visitar.