domingo, 24 de noviembre de 2019

Ovos voandeiros


Ovos voandeiros ou Ovos illas desprazándose polos ceos
Se algún obxecto representa a pintura de Pitelos (ou J. Méndez) é o ovo como elemento presente na maioría das súas obras, case sinal de identidade. Por iso non nos estraña que titule esta última exposición Ovo voandeiro e que os poña a voar, porque xa antes nos trouxo o mar a Compostela na exposición Santiago marítimo.
El é de imposibles, ou máis ben de “surreais”, por iso nos obriga a ir ás orixes do surrealismo e lembrarnos de Broodthaers, de Breton, de Dalí ou de Magritte, porque todos eles falaron do ovo ou o representaron. E obríganos, tamén, a percorrer a súa obra, para confirmar esa presenza do ovo desde os anos 80 (segundo o que aparece na web) ata facerse protagonista na exposición Retratos con alegoría na que os artistas que eran retratados por Méndez debían entregarlle a escultura dun ovo. E continuou o ovo presentándose en cada lenzo e cada escultura, porque el é un home de símbolos e alegorías.
Agora, o ovo é unha illa. Cunqueiro falaranos de illas que se moven polo mar cambiando de coordenadas, Méndez pon as illas - ovo a voar como minúsculos planetas onde todo é posible, porque a illa é o territorio da utopía desde o principio da escrita.
Pitelos é un artista de oficio, traballador e imaxinativo. Con todas estas capacidades desenvolvidas en grao sumo e disposto a non aforrar, a non deixar unha idea para mañá, a gastalas todas nesa fogueira que é cada unha das súas mostras.

martes, 19 de noviembre de 2019

En Ourense, exposición de Ramón Conde

Na sala de exposición do Centro Cultural Marcos Valcárcel da deputación de Ourense acaba de inaugurarse a exposición Soliloquios de Ramón Conde
Como xa é habitual, corpos esculpidos e voluminosos, que di a prensa para anuncialo. 
Fóra, colgada e disposta a dar a benvida unha gran paternidade. Dentro, todos os corpos; en pequenos grupos, de corpo enteiro ou bustos. Todo respondendo a eses soliloquios que o escultor lles obriga a pensar a cada unha das obras ou a compartir nunha soidade de incomunicación total.
Di Conde que concibiu esta exposición como varias instalacións pequenas, cunha certa alegoría e unha serie de obras individuais, que en conxunto teñen un nexo en común que son as montañas. Lembremos que esas montañas son as formas redondeadas  (enfermas de obesidade) coas súas liñas curvas, que el remite aos montes galegos, vellas formacións con milenios de erosión; redondos de necesidade, cunhas inmensas barrigas que case poden botar ao lombo, cuns peitos que fan dubidar do sexo, con expresións que se fan dificilmente esaxeradas en tan grosas caras...  

martes, 12 de noviembre de 2019

Exposición de tres Pataqueiros/as en Lugo

No Museo Interactivo da Historia de Lugo está a exposición Arte e amizade organizado pola Asociación da Aizade das Artes Galego Portuguesa (AAAGP). Neste caso participan 41 artistas 
(Jorge Agra, José Luis Aguilar, Luísa Arbiol, Helena Caldeira, Constantino Cuesta (Tino), Graça Cunha, Alexandra de Basto, Iraceia de Oliveira, Iago Eireos, Fina Eireos, Jorge Espiral, Clara Ferrão, Rosa Gallego del Peso, Joaquín García-Gesto, Javier Granados Centeno, Dolores Guerrero, Honorio, Juan Lomarti, Diego López Fernández, Lugilde, Miguel A. Macía, Quique Muruáis, Odeza, Isabel Pardo, Marian Paredes Villaronga, Concepción Paz Montenegro, Luisa Paz Montenegro, Soledad Penalta, Peña Romay, María Luisa Pérez Novoa, Noa Persán, Pintao (antes Señor Bordell), Isabel Pintado, Pitelos, Carmen Prado, María Amélia Ramos, Xermán Refojo, Conceição Ruivo, Saro, Xesús Vázquez e Xoán Vila). Como vemos, entre as súas están as obras de Jorge Agra, J. Méndez e Marián Paredes.
Cada un no seu estilo, achegan a esa multicolor mostra a súa maneira de expresar a creatividade. Agra no pop con ese cadro que semella querer chiscar o ollo en contacto con toda esa información sobre medidas de seguridade mentres observamos ao representante oriental cunha certa nariz de paiaso. Méndez co surrelismo mítico no que o ovo é protagonista e, neste caso, envolto nun lume vermello que convoca as miradas. Marián cunha obra en fondo marrón coas cabezas en diferentes posicións e seguindo sempre as liñas curvas ás que nos ten acostumadas, só o marco remite á liña recta.