miércoles, 5 de diciembre de 2018

COLECTIVO ARTÍSTICO PATAKA no Pazo Torrado en Cambados

O pasado venres, 30 de novembro, inaugurouse a exposición do Colectivo Pataka no pazo Torrado.
Un enorme espazo expositivo onde cada artista contaba cunha sala, agás Vicente e Carita que compartiron unha.
Percorrer a casona, de cuarto en sala, pasando dunha obra a outra para ir atopando a Susana e os vellos de Conde, remitíndonos a unha escena biblica que nos lembra a aquela outra que Vicente expuxera na sala de exposicións do Tambre; neste caso, o escultor engade ás pezas elaboradas un par de "obxectos encontrados" que sitúan á protagonista no baño. 
Pasar á seguinte para observar os grandes cadros de Jorge Agra remitíndonos ás iconas que marcan os días, desde as noticias á publicidade, as imaxes representativas de cada tempo: o sireno de Vigo ou un triste Arias Navarro noutro novembro.
Nunha sala con chimenea están as pezas de J. Méndez que combina a escultura coa pintura, uns bustos de cristal ou azulexos mirando os óleos onde sempre aparece ese toque surreal que o  caracteriza. 
De escultura e pintura consta tamén a sala de Andreas Ruiz, escultura de cemento que remata tratándose coma un lenzo, recollendo as liñas e pinceladas. E xunto a ela varios cadros traballados sobre cemento e os seus derivados, nos que a pintura se acompaña do debuxo e os continentes semellan vir a visitarnos.
Camilo Seira enche a sala de esculturas en madeira que nos remiten á matanza ou ao entroido; o porco como animal totémico e todos os seus tetos alimentando a tribo. Ao lado un bodegón en pedra no que o brión traballa á par do artista, vestindo as froitas.  
Alfonso Rivero de Aguiar ocupa a máis pequena das salas pero aprovéitaa cunhas figuras maioritariamente brancas que iluminan o espazo. Pezas elegantes que se moven nunha figuración abstracta que tende á verticalidade agás nunha horizontal onde mestura pedra e madeira policromada.
Pilar Feás mostra fotografías, pinturas e tamén tecidos nun panorama no que non quere deixar nada atrás, xogando a tres mans.
Traballo con fíos e telares mostra tamén Carita Dubrovin; para ela sob os seus elementos, os materiais cos que constrúe as súas obras que neste caso adoptan tamén a forma de figuras vestidas con calceta ou de medias camisetas colgadas. Na mesma sala, están as pezas de Vicente Ruiz, pinturas e pezas traballadas con materiais atopados, o expresionismo dándose a man co primitivismo.
Unha exposición que vai dar que falar! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario