miércoles, 23 de octubre de 2019

Camilo no Catro gatos


O ritual do sacrificio, é o título da exposición de Camilo Seira no espazo de arte "Catro gatos"  que despois de inaugurarse o sábado 12 de outubro, permanecerá ata o 9 de novembro.
Camilo acostuma traballar a madeira como fai neste caso, e tamén, traballar con temática moi acaída ao país, por exemplo a matanza do porco. Este traballo é o resultado dunha desas matanzas nas que foi fotografando, tomando mostras, facendo baleirados
... das diferentes partes dese animal ancestral que cubría as necesidades das casas do rural ao longo do inverno.
Teño eu un veciño que todos os días o visita e traballa ao par del, no lugar no que el se atopa; eu creo que ás veces lle fala, e podo asegurar que pasa tanto tempo co animal coma coa familia. "Que, como vai o teu amigo?" preguntamos e el contesta sen que lle pareza mal. 
Máis alá da anécdota está a tradición, a etnografía, a gastronomía e a supervivencia. Porque fomos tan pobres, tan pobres... e aínda non somos ricos. Máis ben andamos por aqueles aledaños aos que John Berger se refería en Porca terra.
Tótem e animal da corte... Porque do porco todo se aproveita e ata lle dá sangue ás filloas. E Camilo fai o mesmo dándolle voltas a ese sacrificio ata extraer todo o que nos ostra para que sexamos agora nós os que vaiamos asociando simboloxía e obxectos artísticos.
Camilo tamén nos dá unha mostra desa arte súa que nunca defrauda, sexa en pedra ou madeira, materiais menos nobres ou papel, bosta ou aluminio. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario