lunes, 22 de febrero de 2016

O día a día

                                                                                         
As rutinas, o devalar dos días, o tempo que corre... e o blog que non se actualiza.
Tentaremos volver a el, igual que ás tertulias, igual que aos encontros.
Que andamos a facer?
Cristina, a nosa comisaria de cabeceira non para de realizar exposicións no Espazo Virxe da Cerca; neste momento con Joaquín García Gesto e Violeta Bernardo. Pinturas e cerámicas, acompañándose. Unha boa ecuación: o barro e o óleo.
Unha visita obrigada porque non vai defraudar.
Máis información.

lunes, 5 de octubre de 2015

Tertulian@s







Obras de (por orden): Alfonso Rivero, Andreas Ruiz, Camilo Seira, Carita Dubrovin, Mendez, Pilar Feás, Ramón Conde.

domingo, 4 de octubre de 2015

{ IN MEMORIAN }

PILAR SAMPEDRO

Comedores de patacas. Cultivadores de patacas. Faladores do Pataca.

Hai algún tempo, cando se puxo enfermo Juan, o rexente do Pataca, os amigos quixemos facerlle unha homenaxe. O faladoiro do Pataca, do que forman parte Cristina Carballedo, Vicente Ruiz Soldevila, Andreas Ruiz, Camilo Seira, Nina, Ramón Conde, Alfonso Rivero de Aguilar, Marisina, J. Méndez, Pilar Feas, Carita Dubrovin, Loquis... e que se reúne neste local un martes de cada mes, desexaron agasallalo entregándolle cadansúa obra persoal e Pilar Sampedro leu este pequeno texto, que agora se publica en memoria de Juan e de Cachucho, o amigo que se adiantou para agardalo do outro lado.
nO PAÍS  DAS PATACAS hai unha taberna; o seu nome oficial é Bar Negreira. Aparece este nome, adornado pola concha e a cruz de Santiago, no letreiro que o anuncia,  pero é coñecida internacionalmente polo Pataca. Pataca, porque co viño acompañan uns anacos grandes de enormes patacas, cortadas en prismas, cunha cor amarela de guiso e sabor tan marabilloso coma as laranxas que Cunqueiro poñía nas mans de Sinbad.
A taberna rexéntaa Juan, que volveu do mar para situarse na barra, e atender a parroquia mentres o balancean as ondas do mar do tempo. Juan actúa como se a taberna fose un buque e os seareiros mariñeiros; recíbenos, fala con todos, diríxenos dun lado para outro, de proa a popa e de babor a estribor, porque sabe que a xente de terra somos un tanto torpes cando nos sitúan no mar océano. Fainos falta Juan para darnos conversa e acollida, para sentir que formamos parte desa gran familia que é o Negreira– Pataca e ter un lugar onde abeirarnos. Porque iso son as tabernas: refuxios, lugares de encontro, templos laicos nos que os homes e as mulleres van a a atoparse coas mulleres e os homes, seguindo unha vella crenza acerca da necesidade de compartir entre iguais desde o viño á conversa, das miradas ás patacas, do brinde ao saúdo, da mesa á despedida. A taberna é unha igrexa sen deuses na que comemos e bebemos,  pero sobre todo, falamos, ata o punto de comer as palabras coas patacas... Unha de palabras con patacas, outra de patacas con palabras. Vai!
Está ben compartir o tempo do Pataca. Atoparnos e falar, saudar aos que chegaron e agardar polos que cheguen. Unha vez estaban dous homes nunha taberna, xa eran horas de pechar e fóra chovía; de vez en cando un deles saía á porta e estendía a man para ver se escampara, pero seguía chovendo monotonamente (como cando chove despois de chover -que dicía Rivas-) e o outro rosmaba: “¡tranquilo, estamos en casa cuberta!”. O taberneiro ía canso deles e da chuvia, do longo día ao pé do mostrador e da pachorra dos que podían quedar toda a vida agardando a que escampara... Contaba o sucedido meu avó, que era o taberneiro, e repetía a frase “estamos en casa cuberta” en calquera situación de cachaza excesiva; e eu sempre pensei que aí estaba o misterio, nese instante eterno, nesa xente que se senta a agardar que escampe... 
Nós estamos en casa cuberta, cando chove, e en casa amiga, sempre. Nun bar onde a tapa é familiar e básica, coma os taberneiros que nola serven. Nós, que non saberíamos alimentarnos sen balocas... ¡que nos falte de todo, menos patacas, que son compango e compañía, que se algunha vez houbo maná eran pataquiñas voadoras que alimentaban  a un pobo que atravesaba o deserto. 
Estes días, andamos un tanto preocupados; os parroquianos temos medo de que Juan deixe de atendernos. Os mareantes, coma el, nunca deixan de selo e sóbense a calquera nave cando un día, sen saber como, pasa polo porto. A culpa é toda de J. Méndez que se empeñou en traer o mar a Compostela; antes, o único peirao que tiñamos era o café Muelle, onde acostumabamos a almorzar churros quentes, pero agora poden pasar naos a calquera hora...
O faladoiro do Pataca conversa de arte, pero sobre todo cose o patchwork que nos cubre e que poñemos a disposición doutros que queiran gorecerse e dar puntadas. Así seguimos, Juan, cosendo minutos que se fan horas, e afectos que se converten en amizade.
Coma un faro, o Pataca sitúase nun cabo, nunha esquina, e alumea para que non perdamos o rumbo. A taberna é a cova do Paleolítico, o porto de abrigo do Fin do Mundo. Juan, tamén a ti queremos coserche con estes fíos para que saibas que petaremos na porta, empuxaremos o pórtico do Pataca e atoparémonos, aínda que sexa... mar por medio e nubes no ceo.

viernes, 27 de marzo de 2015

Andreas na casa de Casares Quiroga

Na Coruña.
Nun lugar referencial polo que ten de memoria histórica, de republicanismo, de dignidade que se mantén... están as obras de Andreas Ruíz baixo o título de "Diálogos binarios".
As cabezas e os corpiños, os materiais construtivos, a conversa entre o analóxico e o dixital, a viaxe dun a outro soporte, a creatividade ao servizo da idea, o concepto artellando o discurso e as cabezas cimentadas mecánica e creativamente, pintadas e elaboradas cos signos que hai que desvelar e van dunha a outra civilización, dun a outro tempo, dunha a outra sensación...
Un bo sitio para albergar a exposición e unha boa exposición para ocupar o lugar.

viernes, 13 de febrero de 2015

Desta parte, queixo con arte. Exposición en Arzúa

  EXPOSICIÓN COLECTIVA para conmemorar os 40 anos da festa do queixo de Arzúa.
 20 artistas 20.  Baldomero Moreiras, Luís de las Cuevas, Pedro Gº Losada, Peter Schneider, Anxo Orois, Paco Pestana, Camilo Seira, Jorge Espiral, Jorge Agra, Landro  Sánchez, Seara,  Alberto Gulias, Lino Silva, Alexandro, Veiras Manteiga, Alfonso Rivero de Aguilar, Vicente Ruíz Soldevilla, Manuel Nieto, Julio Sanjurjo e Fernando Barreira… Fotógrafos, pintores e escultores, presentan unha obra na exposición comisariado por Cristina Carballedo, na Capela da Madanela, antiga igrexa dun desaparecido mosteiro do s XVI, situada en pleno Camiño de Santiago e cedida para usos culturais pola diocese ao Concello de Arzúa.
Do 21 de febreiro ao 1 de marzo de 2015



viernes, 14 de noviembre de 2014

Pataca solidaria




Os artistas do Faladoiro Pataca están expoñendo as súas obras no Hotel Virxe da Cerca, entre o 6 e o 16 de novembro. Trátase dunha exposición solidaria pois unha parte das vendas irá destinada a unha asociación benéfica. A exposición está comisariada por Cristina Carballeda.
Aí están as obras de Vicente Ruíz Soldevilla, Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruíz, J. Méndez e Camilo Seira.
Solidariedade e arte semellan ir unidas e iso está ben; o que non o está... é que as outras profesións perderan ese vínculo.

viernes, 31 de octubre de 2014

Por Narla... andan os bocetos de "retratos con alegoría" de J. Méndez



Na fortaleza de Narla, rodeados de antigüidades e entre os muros medievais, están os bocetos que J. Méndez realizara para a exposición Retratos con alegoría. Unha nova ocasión para velos.
Á beira da torre, fixándose ben, vese unha velliña que vende que vende cestos de corres. Non é que estean moi ben feitos, non é que sexa un produto perfeecto, non, pero é necesario mercarllos (incluso regateando, se se quere) para que contnúe a facelos.
Así é a historia, a dos mitos clásicos e a dos habitantes dun mundo que anda a desaparecer.