lunes, 13 de enero de 2020

STELLAE PATAKA



O título, STELLAE PATAKA,  anda arredor da Estrela Pataka ou a Pataka de Estrelas, como o Campus Stellae (campo de estrelas), pero vaille moi ben O Pataka en Compostela. Despois dunha década de faladoiro, o antes despois, o once, chega de volta O Pataka a Conpostela para mostrar o seu traballo e faino no espazo de Abanda en Cervantes. Antes, as súas colectivas pasaron polo pazo Torrado de Cambados, a Casa de Galicia en Madrid e o Colexio de Médicos na Coruña.
Once compoñentes: Jorge Agra, Ramón Conde, Carita Dubrovin, Pilar Feás, J. Méndez, Marian Paredes, Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruíz, Leonor Ruíz, Vicente Ruíz e Camilo Seira.
En común, o nome e a palabra:

"O Pataka, polo bar onde nos reuníamos un martes de cada mes, o bar tiña un nome oficial (o Negreira) e o nome polo que todos e todas o coñeciamos, O Pataka, pola pataca que servía de compango co viño, una pataca cociñada a lume manso que levaba o sabor antigo e que nos falaba dos comedores de patacas (eses países do Fisterre) nas palabras de Rivas e nas imaxes de Van Gogh. Agora que a taberna xa pechou (porque os que a rexentaban, Juan e Isabel, pasaron a outra vida), o faladoiro segue a conservar o nome e lévao aos lugares nos que se reúne e ás exposición que realiza o colectivo que nace deste Faladoiro, porque o faladoiro é de arte, iso é o que nos une… a palabra que envolve á arte."
Logo, a diversidade, a diferenza no estilo e nos materiais, nos conceptos e na idade, na repercusión da súa obra ou nos materiais utilizados... por iso sempre vale a pena ir ás súas exposición e pasar dunha a outra obra e artista. 
Cartel del Evento




Faladoiro Pataka na fundación de A Banca 2020

Una vez más el colectivo Pataka inauguró exposición el día 10 de Enero, esta vez en Santiago de Compostela en el espacio de A Banca situado en la Plaza de Cervantes.
Participan los artistas del grupo: Vicente Ruiz Soldevilla, Jorge Agra, Carita Dubrovin, J. Méndez Pitelos, Camilo Seira, Pilar Feás, Ramón Conde, Marian Paredes, Alfonso Ribero de Aguilar, Leonor Ruiz Dubrovin y Andreas Ruiz.
La muestra será visitable hasta el 10 de Febrero.
Enlaces de interés:
A Banca
La Voz  de Galicia
Correo Galego

Vista De una de las salas de la exposción del colectivo Pataka
Intervención 2/Técnica mixta sobre Fibrocemento por Andreas Ruiz Dubrovin


Intervención 1/Técnica mixta sobre Fibrocemento por Andreas Ruiz Dubrovin

Hombre, lechuza a caballo/Técnica mixta sobre Fibrocemento por Andreas Ruiz Dubrovin


domingo, 24 de noviembre de 2019

Ovos voandeiros


Ovos voandeiros ou Ovos illas desprazándose polos ceos
Se algún obxecto representa a pintura de Pitelos (ou J. Méndez) é o ovo como elemento presente na maioría das súas obras, case sinal de identidade. Por iso non nos estraña que titule esta última exposición Ovo voandeiro e que os poña a voar, porque xa antes nos trouxo o mar a Compostela na exposición Santiago marítimo.
El é de imposibles, ou máis ben de “surreais”, por iso nos obriga a ir ás orixes do surrealismo e lembrarnos de Broodthaers, de Breton, de Dalí ou de Magritte, porque todos eles falaron do ovo ou o representaron. E obríganos, tamén, a percorrer a súa obra, para confirmar esa presenza do ovo desde os anos 80 (segundo o que aparece na web) ata facerse protagonista na exposición Retratos con alegoría na que os artistas que eran retratados por Méndez debían entregarlle a escultura dun ovo. E continuou o ovo presentándose en cada lenzo e cada escultura, porque el é un home de símbolos e alegorías.
Agora, o ovo é unha illa. Cunqueiro falaranos de illas que se moven polo mar cambiando de coordenadas, Méndez pon as illas - ovo a voar como minúsculos planetas onde todo é posible, porque a illa é o territorio da utopía desde o principio da escrita.
Pitelos é un artista de oficio, traballador e imaxinativo. Con todas estas capacidades desenvolvidas en grao sumo e disposto a non aforrar, a non deixar unha idea para mañá, a gastalas todas nesa fogueira que é cada unha das súas mostras.

martes, 19 de noviembre de 2019

En Ourense, exposición de Ramón Conde

Na sala de exposición do Centro Cultural Marcos Valcárcel da deputación de Ourense acaba de inaugurarse a exposición Soliloquios de Ramón Conde
Como xa é habitual, corpos esculpidos e voluminosos, que di a prensa para anuncialo. 
Fóra, colgada e disposta a dar a benvida unha gran paternidade. Dentro, todos os corpos; en pequenos grupos, de corpo enteiro ou bustos. Todo respondendo a eses soliloquios que o escultor lles obriga a pensar a cada unha das obras ou a compartir nunha soidade de incomunicación total.
Di Conde que concibiu esta exposición como varias instalacións pequenas, cunha certa alegoría e unha serie de obras individuais, que en conxunto teñen un nexo en común que son as montañas. Lembremos que esas montañas son as formas redondeadas  (enfermas de obesidade) coas súas liñas curvas, que el remite aos montes galegos, vellas formacións con milenios de erosión; redondos de necesidade, cunhas inmensas barrigas que case poden botar ao lombo, cuns peitos que fan dubidar do sexo, con expresións que se fan dificilmente esaxeradas en tan grosas caras...  

martes, 12 de noviembre de 2019

Exposición de tres Pataqueiros/as en Lugo

No Museo Interactivo da Historia de Lugo está a exposición Arte e amizade organizado pola Asociación da Aizade das Artes Galego Portuguesa (AAAGP). Neste caso participan 41 artistas 
(Jorge Agra, José Luis Aguilar, Luísa Arbiol, Helena Caldeira, Constantino Cuesta (Tino), Graça Cunha, Alexandra de Basto, Iraceia de Oliveira, Iago Eireos, Fina Eireos, Jorge Espiral, Clara Ferrão, Rosa Gallego del Peso, Joaquín García-Gesto, Javier Granados Centeno, Dolores Guerrero, Honorio, Juan Lomarti, Diego López Fernández, Lugilde, Miguel A. Macía, Quique Muruáis, Odeza, Isabel Pardo, Marian Paredes Villaronga, Concepción Paz Montenegro, Luisa Paz Montenegro, Soledad Penalta, Peña Romay, María Luisa Pérez Novoa, Noa Persán, Pintao (antes Señor Bordell), Isabel Pintado, Pitelos, Carmen Prado, María Amélia Ramos, Xermán Refojo, Conceição Ruivo, Saro, Xesús Vázquez e Xoán Vila). Como vemos, entre as súas están as obras de Jorge Agra, J. Méndez e Marián Paredes.
Cada un no seu estilo, achegan a esa multicolor mostra a súa maneira de expresar a creatividade. Agra no pop con ese cadro que semella querer chiscar o ollo en contacto con toda esa información sobre medidas de seguridade mentres observamos ao representante oriental cunha certa nariz de paiaso. Méndez co surrelismo mítico no que o ovo é protagonista e, neste caso, envolto nun lume vermello que convoca as miradas. Marián cunha obra en fondo marrón coas cabezas en diferentes posicións e seguindo sempre as liñas curvas ás que nos ten acostumadas, só o marco remite á liña recta.

miércoles, 23 de octubre de 2019

Camilo no Catro gatos


O ritual do sacrificio, é o título da exposición de Camilo Seira no espazo de arte "Catro gatos"  que despois de inaugurarse o sábado 12 de outubro, permanecerá ata o 9 de novembro.
Camilo acostuma traballar a madeira como fai neste caso, e tamén, traballar con temática moi acaída ao país, por exemplo a matanza do porco. Este traballo é o resultado dunha desas matanzas nas que foi fotografando, tomando mostras, facendo baleirados
... das diferentes partes dese animal ancestral que cubría as necesidades das casas do rural ao longo do inverno.
Teño eu un veciño que todos os días o visita e traballa ao par del, no lugar no que el se atopa; eu creo que ás veces lle fala, e podo asegurar que pasa tanto tempo co animal coma coa familia. "Que, como vai o teu amigo?" preguntamos e el contesta sen que lle pareza mal. 
Máis alá da anécdota está a tradición, a etnografía, a gastronomía e a supervivencia. Porque fomos tan pobres, tan pobres... e aínda non somos ricos. Máis ben andamos por aqueles aledaños aos que John Berger se refería en Porca terra.
Tótem e animal da corte... Porque do porco todo se aproveita e ata lle dá sangue ás filloas. E Camilo fai o mesmo dándolle voltas a ese sacrificio ata extraer todo o que nos ostra para que sexamos agora nós os que vaiamos asociando simboloxía e obxectos artísticos.
Camilo tamén nos dá unha mostra desa arte súa que nunca defrauda, sexa en pedra ou madeira, materiais menos nobres ou papel, bosta ou aluminio. 

martes, 9 de julio de 2019

PATAKA na Coruña, exposición décimo aniversario

O colectivo artístico PATAKA está a expor na sala do Colexio de Médicos de A Coruña.
Así se conta en El Ideal Gallego:
"O colectivo Pataka naceu a modo de “ faladoiro” no antigo bar Negreira de Santiago de Compostela, o chamado bar Pataka. Agora celebran o seu décimo aniversario e por iso mostran no Colexio de Médicos parte da súa obra. As exposicións do colectivo non se adscriben a un único xénero artístico, reina a variedade nelas, igual que o fai nos membros de Pataka, e isto pódese observar na selección da Coruña, por parte de nove dos seus once membros. Hai na mostra exemplos de pop art, creados por Jorge Agra, con personaxes icónicos, como os saídos directamente dos cómics do personaxe belga Tintín. Contan as obras de Agra cun detalle peculiar como os selos propios dos anos 60.
Está presenta na mostra o naturalismo de Camilo Seira coas súas esculturas, baixo o título “ Sensei”, mestre ou sabio na cultura xaponesa. Entre a figuración e a abstracción atópanse as esculturas de Alfonso Rivero, realizadas con pedra como material principal, xogando coa indefinición nas súas obras, xa que permite ao espectador obter diferentes visións da obra segundo vai virando ao redor da mesma.
A reinterpretación da mitoloxía realizada por J. Méndez retratando a Miguel de Lira como Xerión (enterrado baixo a torre de Hércules), a Juanillo Esteban como Asclepio (deus da medicina) e Laura Míguez como Hixía (deusa da farmacia) nunha serie que recibe o nome de "Míticos no leito"
O artigo deste xornal non cita ao resto dos artistas... son moi de destacar as obras de Vicente Ruíz, Carita Dubrovin, Andreas Ruíz, Pilar Feás e Marian Paredes, movéndose da escultura á pintura e desta ao mundos dos textiles.

jueves, 13 de junio de 2019

EXPOSICIÓN DE J.MÉNDEZ NO CAMPUS STELLAE

Pitelos ou J. Méndez está a expor na Sala de Campus Stellae, en plena praza da Quintana de Compostela.
A exposición leva por título SENTI2 e presenta un enorme retablo coas súas figuras e cinco grandes esculturas representando os cinco sentidos. 
Ao longo de todo o verán podemos asistir a esta festa dos sentidos, onde a vista, o tacto, o gusto, o oído e o olfacto saen a recibirnos. A enormidade da obra fai que as salas semellen pequenas e que teñamos que subir aos pisos superiores para poder velas, tamén con perspectiva. Méndez tennos acostumados á sorpresa, a súa capacidade de traballo xunto co coñecemento de materiais e solucións sempre creativas sáennos ao encontro unha e outra vez, desde a elaboración dos disfraces de entroido -nun anaco de tarde- ata a elaboración dunha exposición inmensa con moi pouco tempo. Agora, decidiu erguer á tribuna de deuses e santos aos sentidos, resolveu construír o gran retablo da igrexa laica (que só este espazo que foi colexio de arquitectos lle podía permitir), colocar nas súas ornacinas as pezas que o complementan -a modo de figuras consagradas- e complementar todo iso con colosais figuras nas que seguir a representar máis do mesmo pero de diferentes maneiras... que niso consiste a arte.
A idea, só a idea xa merece unha atención: o retablo profano. E, cando acudimos á chamada, é a sorpresa a dona do encontro: o colosalismo co que nos recibe. Esa ciclópea realización que non deixa a ninguén indiferente e que anima a visitar todo o espazo do Campus Stellae para unha observación detida das obras. Nunca este espazo poderá contar cunha mostra máis monumental nin cun esforzo tan titánico que lembra os colosos do mundo antigo. 

lunes, 25 de febrero de 2019

Alfonso Rivero de Aguilar expón na Fundación Venancio Salcines en Oleiros


Alfonso Rivero de Aguilar mantén as súas obras en dúas exposición, unha na Casa de Galicia en Madrid co Colectivo Artístico Pataka e outra na Fundación Venancio Salcibes de Oleiros compartindo espazo coa pintora Novais.
Dise na presentación que nela dialogan o traballo colorista e dinámico de Mª Luisa Grandio Novais coa sensual obra escultórica de Alfonso Rivero de Aguilar.

domingo, 17 de febrero de 2019

Exposición do Colectivo Artístico Pataka na Casa de Galicia en Madrid

Patakarte é o nome da exposición que o Colectivo Artístico Pataka mostra nestas datas na Casa de Galicia en Madrid. Unhs exposición coordinada por Vicente Ruiz na que, ademais del, participan Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruiz, Camilo Seira, Carita Dubrovin, Pilar Feás, J. Méndez, Jorge Agra e Ramón Conde.